10/12/17

A ESTACIÓN


A vida no pobo ofrece poucas melloras para a xente nova. Limítase á supervivencia e aos traballos do campo.
O meu avó, non conforme co futuro que lle agarda, decide marchar para Francia. Como aínda é neno, vai a cargo dun veciño, pois suponse que mirará por el. Seus pais dánlle cartos para que llos administre, un gran erro por non confiar no seu fillo e sí nunha persoa allea.
Colle o tren e vai rumbo ao descoñecido. A primeira parada é en Astorga. Xúntase con outro rapaz da mesma idade cal que vai no tren e van tomar algo.
O tempo cando non é noso, non espera, vai paseniño e sen deterse. O tren pónse en marcha sen os dous pasaxeiros. O señor que ía ao cargo pouco se preocupou da súa falta, iso sí, levaba os cartos do mozo que quedara atrás na estación. Os dous rapaces bótanse a correr para poder agarrarse a un vagón, mais o resultado é un golpe, o primeiro dos moitos que levaría. O soño estaba a punto de esvaecerse, pero a ocurrencia dun adolescente do rural fixo que non fose así.
Colle un taxi e dille que ten que alcanzar o tren na seguinte estación, que o leve ata aló, e así foi. Ao chegar, con medo a non saír ben, pois non levaba cartos, bótase a correr cara o tren antes de que o taxista o detivese e dille: “se quere cobrar apure que o dos cartos vai dentro e o tren vai arrincar”.
A primeira aventura saíu ben, grazas á iniciativa e rápida decisión dun neno que se estaba facendo home con só apenas dezaseis anos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

MARÍA VICTORIA MORENO